Imos de Fórum!

vinos galllegos exclusivos

 

Levámolo narrando varios días: do 12 ao 14 de marzo tivemos o pracer de formar parte dos máis de 200 stands presentes no Fórum Gastronómico da Coruña. E a nosa valoración non pode ser máis positiva.

A afluencia de público foi maior que na segunda edición, celebrada en A Coruña en 2015. Durante os tres días do evento, 23.000 visitantes percorreron os 9.500 m2 de Expocoruña e asistiron ás múltiples actividades repartidas nos seus doce espazos, ademais de escoitar os relatorios de máis dun centenar de profesionais.

Estas cifras non só constatan o prestixio adquirido polo Fórum senón que o sitúan como unha cita de referencia no ámbito gastronómico, onde os viños galegos teñen unha presenza cada vez máis relevante.

Maridaxe na Cea de Estrelas

Forum gastronómico

Forum gastronómico

A nosa participación na Cea de Estrelas, o 13 de marzo na Finca Montesqueiro, vén consolidar este evento. Neste encontro, ao que asistiron máis de 200 persoas, tivemos o pracer de seleccionar os viños que maridaron as propostas gastronómicas de reputados chefs como son Nandu Jubany, Hideki Matsuhisa, Beatriz Sotelo, Quim Casellas e Pepe Solla.

Neno da Ponte 2014

No marco do Fórum Gastronómico presentamos, ademais, Neno da Ponte 2014, un Ribeira Sacra ecolóxico de Roberto Regal que sorprendeu e conquistou os padais tanto do público en xeral como dos sumilleres. Isto responde a que é un mencía diferente pola súa suavidade, facilidade ao bebelo e traballada elegancia.

Presentamos o noso mapa vitivinícola

O mapa que elaboramos coa xeografía vitivinícola de Galicia foi outra das nosas propostas no evento. Tivo moi boa acollida entre os visitantes que se achegaron ao noso stand e xerou comentarios máis que positivos en relación ás dúbidas que disipa entre as persoas interesadas nas zonas nas que se producen viños.

Videvide.net, a tenda online do viño galego

Outra das nosas novidades no Fórum Gastronómico da Coruña foi videvide.net: a tenda online na que adquirir o mellor viño galego. O portal suscitou interese entre o público pola ampla selección de referencias que inclúe e, sobre todo, polo Clube, probablemente o único de viños galegos existente en Galicia e alén do noso territorio.

No marco deste evento, realizamos un sorteo dun lote de viños: Heaven&Hell do 2012, Diego de Lemos e Quinta Toucedo Lousa. A proposta tivo moi boa acollida entre o público e Gabriela Millares Landeira foi a afortunada que se levou as tres botellas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Rellene lo que falta: *