10 Datos que debes coñecer sobre a D.O. Ribeiro

Feira do Viño do Ribeiro de Ribadavia xa está aquí e non queriamos perder a oportunidade de falarvos desta Denominación de Orixe (D.O.), a máis antiga de Galicia, protexida en 1932, e unha das máis lonxevas a nivel nacional. A festa na súa honra chega este ano á súa 54º edición e celebrarase os vindeiros 29 e 30 de abril e 1 de maio neste concello ourensán, un dos catorce municipios polos que se estenden os viñedos desta D.O.

do_vino_ribeiro_ribadaviaA indicación xeográfica atópase concretamente na marxe noroccidental da provincia de Ourense, na confluencia dos vales dos ríos Miño, Avia, Arnoia e Barbantiño e os seus viños caracterízanse por unha acusada personalidade ao elaborarse con variedades autóctonas tradicionais: Treixadura, Torrontés, Loureira, Caíño, Brancellao, Sousón.

Queredes coñecer máis datos sobre a D.O. Ribeiro? Velaquí 10 cuestións ben interesantes:

  1. Está conformada por 107 bodegas repartidas en 2.800 ha de viñedo de 14 concellos diferentes onde traballan 5.800 viticultores.
  2. É un territorio de gran diversidade vitivinícola grazas ao seu legado xenético orixinal e copioso, así como ao elevado número e experiencia dos produtores e variedades da zona.
  3. Ao redor dun 70% das bodegas acóllense á figura de Adega de Colleiteiro: elaboran viño a partir de uvas da súa propiedade e o limite máximo de produción é de 60.000 litros.
  4. A colleita da D.O. no 2016 foi de 11,6 millóns de kg de uva. O 90% da produción total corresponde a viño branco e o 10% restante a viño tinto.
  5. Recentemente e despois de 40 anos, o Consello Regulador renovou o deseño da precinta, unificándoa para todos os viños elaborados baixo a D.O.: brancos, tintos, tostado Ribeiro e espumosos.
  6. Esta precinta garantiza a calidade e trazabilidade das botellas que saen ao mercado.
  7. Os viños do Ribeiro xa tiñan sona internacional no s. XVI, cando na súa capital, Ribadavia, se estableceron normas para garantir a súa calidade e autenticidade.
  8. Os brancos do Ribeiro son de cor de palla pálida, lixeiros, frescos, secos, afroitados, cunha elevada acedume fixa e unha graduación alcólica que se sitúa entre 9,5º e 13 º.
  9. Os viños tintos son de cor vermella morada, compensados de acedume e a súa graduación está entre 9,5º e 12º.
  10. O tostado do Ribeiro elabórase a partir das mellores uvas autóctonas da D.O. e é naturalmetne doce. Conta cunha longa tradición na zona, que se remonta ao s. XIX.

Despois de sumerxirnos nos datos máis relevantes desta indicación xeográfica, podedes botar un ollo aos viños dispoñibles na nosa tenda.