Altares 2012

Altares é un viño para beber sen prexuízos. Vexamos.

Altares 2012

Altares 2012

É un Viño da Terra de Barbanza e Iria. O prexuízo: viño na Pobra? Se falamos da cara norte da ría de Arousa, formada polo río Ulla, que baña as viñas do Salnés, cara a cara co sur, a Illa, Cambados, Vilanova e Vilagarcía, todo colle sentido.

É un albariño. O prexuízo: xoven e afroitado? Adega Entre os Ríos acaba de sacar este 2012, cunha prolongada e habitual crianza sobre lías. Unha aposta pola lonxevidade dos brancos que Paco Crusat fai desde o inicio deste proxecto, con base nas cepas máis antigas da zona.

Ouro líquido. Nariz doce, sorprendente e complexa: lías, mosto, albaricoques, manzanilla e incipientes notas de hidrocarburos. Na boca, lonxitude cremosa e estruturada, acidez equilibrante.

É un viñazo, con ou sen prexuízos.