As 10 feiras do viño galegas que non podes perder este verán (II): agosto

Se xa coñeces as oportunidades que nos depara xullo para achegarnos máis ao viño e á cultura galega, non podes perder as feiras que ofrece agosto, porque tes citas imprescindíbeis:
• Do 2 ao 7 Cambados celebra a súa Festa do Albariño coa música de Carmen Paris, Son de Seu, The Waterboys, Best Boy, Heredeiros da Crus e a Banda de Música de Castrelo. Esta festa comezaba como un concurso entre adegueiros en 1953 e ofrece distintas actividades como catas, xantares e demais actividades relacionadas cos caldos da zona.
• O 5 de agosto é o día da Festa das Covas, en Vilamartín de Valdeorras, neste evento poderás catar os viños artesáns de 49 adegas distintas que se conservan nas covas do municipio, cada viño ven acompañado dun pincho tradicional, como ibéricos ou empanadas.
O 7 do mesmo mes en Salvaterra do Miño poderás probar o viño do Condado na XX Exaltación do Viño Artesanal do Condado, chegará ademais ben acompañado de manxares da terra como polbo, sardiñas ou empanadas.
• Do 11 ao 13 a cita é en Verín, na Feira do Viño Monterrei, que se celebrará na Alameda. Este evento permite degustar os mellores viños da comarca, xa que dezaseis adegas da zona ofrecen os seus produtos a prezos populares. O día completarase con concertos, orquestras e grupos folclóricos.
• A fin de semana do 27 de agosto miramos de novo cara a Salvaterra, que celebra a 58 edición da Festa do Viño do Condado, na que os exquisitos viños e os produtos da zona serán de novo os protagonistas. Esta festa permite dar a coñecer novos caldos da D.O. Rías Baixas, pero tamén degustar os coñecidos por todos. É a sede do concurso “Vinos Deliciosos del Año”, premio recoñecido polo Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente.
• Finalizamos o verán cunha curiosa cita, que máis que en agosto adoita celebrarse a comezos de setembro (a data está aínda por confirmar). Trátase da Concentración do Albariño de Clásicos en Cambados, nela combínanse o bo albariño co goce dos coches clásicos, a gastronomía e a paisaxe do Salnés.