As cinco denominacións de orixe galegas en datos

Os datos de evolución e crecemento das cinco denominacións de orixe de Galicia veñen a confirmar a boa saúde da que gozan os nosos viños. Cada unha delas presenta a súa propia historia e teñen traxectorias diferentes aínda que manteñen un elemento en común: todas elas apostan no seu crecemento pola calidade e singularidade dos viños que producen. Vexamos máis polo miúdo algúns datos sobre cada unha delas.

D.O. Rías Baixas: Creada no 1980, os seus viños nacen en terras de menos de 300 metros de altitude próximas ao mar, os ríos ou as rías galegas e cun clima de influencia atlántica. Os brancos elaborados coa variedade de uva albariña son os seus viños máis característicos. Actualmente, consta de máis de 180 bodegas e 6.000 viticultores repartidos entre 5 subzonas: Val do Salnés, Condado de Tea, O Rosal, Soutomaior e Ribeira do Ulla. Son viños de calidade recoñecida que acumulan distincións nas máis prestixiosas catas de todo o mundo.

D.O. Ribeiro: O viño ribeiro empezou a elaborarse na época romana pero acadou o seu máximo esplendor co estudio das vides e a reimplantación por parte dos monxes desta zona de produción. Son viños brancos nun 85% pero, a diferenza dos das Rias Baixas, as vides están situadas a maior altitude nunha zona de transición de clima mediterráneo suavizado pola influencia atlántica. O entorno natural está formado por ladeiras, bancais e terrazas, excelentes para a produción de viños de calidade baseados na viticultura. Unha denominación de orixe que aposta polas uvas locais e a reconversión e reestruturación dos viñedos defendendo a paisaxe e o territorio como a expresión da súa historia cultural do viño.

D.O. Ribeira Sacra: Formada por parroquias e lugares situados nas ribeiras do Miño e do Sil ao sur da provincia de Lugo e norte de Ourense, está dividida en 5 subzonas: Chantada, Amandi, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Sil e Ribeiras do Miño.Unha zona de viñedos na que se elaboran desde fai máis de 2000 anos excelentes viños cunha gran personalidade. Está orientada fundamentalmente á produción de viños tintos aínda que se elaboran tamén brancos moi interesantes. A variedade de uva tinta Mencía é a maís cultivada na Ribeira Sacra dando lugar a viños que sobresaen polos seus aromas limpos, elegantes e intensos e pola súa cor cereixa intensa e brillante. É tamén moi coñecida polas súas lendas, a súa paisaxe e pola dificultade das condicións da vendima, que lle dan un plus merecido á hora de comercializar e gozar dos seus viños.uvas-denominacion-orixe-galicia

D.O. Valdeorras: Está composta por unhas 45 bodegas pertencentes a nove municipios: A Rúa, A Veiga, Carballeda, Larouco, O Barco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartin. Son zonas de produción que ocupan gran parte das cuncas dos ríos Sil, Xares e Bibei. Nelas o clima é máis seco ca no resto de Galicia mesturándose a influencia atlántica con rasgos da continental. De orixe romano e recoñecida formalmente no 1945, a D.O. Valdeorras é unha das que máis fixo pola recuperación de variedades de uva autóctona como Godello e Mencía.

D.O Monterrei: Conta con preto de 600 hectáreas de viñedos e unhas 25 bodegas concentradas na comarca de Monterrei, ao sur da provincia de Ourense. Nelas prodúcense viños de gran calidade debido ás condicións climáticas da zona: un microclima mediterráneo temperado con tendencia continental. Aínda que é a denominación de orixe galega máis xoven é tamén a que conta cunha maior proxección e perspectivas de crecemento. Un solo e un clima peculiar xunto coa tradición vitivinícola da zona herdada de xeración en xeración, permiten extraer das antigas variedades de uva viños cunha personalidade inimitable.

A riqueza do terreño e as peculiaridades de cada unha destas cinco zonas – cunha orografía e condicións climatolóxicas moi particulares – dánlle aos nosos viños un carácter especial imposible de imitar e difícil de aproximar. Os viños galegos son viños singulares, de calidade recoñecida e con características ben diferenciadas destacando en xeral pola súa frescura e o seu equilibrio entre acidez e capacidade aromática. En videvide.net podes atopar unha selecta mostra de todos eles.