Borgoña no espello dos viños galegos

A edición do 2014 comeza o 17 de marzo

Les Grands Jours de Bourgogne é unha feira internacional que, cada dous anos, xunta a profesionais de todo o mundo e distintas disciplinas vinculad@s ao viño. É en marzo. Así é que VIDE, VIDE! impulsa modestamente un achegamento a estes reputados viños franceses desde o 17 ao 31 de marzo. Coincidindo.

Os viños poderanse conseguir nesas datas na tenda compostelá da fonte de santo Antonio. Foron programadas ademais dúas catas comentadas onde se probarán cinco viños da Borgoña, 2 brancos e 3 tintos, de distintas zonas e produtores. No evento creado ad hoc na páxina de facebook de VIDE, VIDE! aparece a relación. Nas catas introducirase ás persoas asistentes nas principais características desta interesante rexión vitivinícola. A primeira proba será o xoves 20 de marzo, e a segunda o venres 28. Para inscribirse? Chamar ao 981 58 29 11 ou escribir a info@videvide.net. Tamén na tenda en persoa. Alén destes 5 viños, a selección disponíbel na tenda incluirá algunhas referencias máis, de interese para os máis filoborgoñóns.

 

Xa é habitual nos comentarios de catador@s de toda condición, atopar comparanzas entre viños galegos e borgoñóns. Merenzao e caíño galegos, rememoran pinot noir. Ás veces, cando nos miramos no espello, asoman as paisaxes da Borgoña que servirán de escenario aos Grandes Días; o berce no que abalan, para moit@s, os mellores viños do mundo. Non é mal horizonte seguir ese camiño de elegancia e de finura, de garda e lonxevidade, que xa estamos a conseguir, que é posíbel.