Camiño das Burbullas: restaurantes na vangarda

Nunha iniciativa colectiva pioneira, 12 restaurantes de Compostela decidiron promover os escumosos galegos do mellor xeito para coñecelos e consumilos con confianza: deixándonos probar por copa. A campaña Camiño das Burbullas achegaranos a boa parte dos escumosos que se elaboran na actualidade nas nosas adegas.

Cartel de Camiño das Burbullas

Cartel de Camiño das Burbullas

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Teñámolo claro: hai boas condicións para elaborar escumosos aquí. O escumoso é un viño, un tipo de viño máis para acompañar calquera dos momentos en que decidimos encher unha copa. Temos bos profesionais e boa materia prima para un produto de calidade. As nosas variedades de uva xa o demostran de vello.

Foi unha elaboración descuberta e perfeccionada en Francia. Importada en Cataluña por un adegueiro audaz. Tampouco alí era tradicional, mais empezaron a facelo. Fará falta tempo para ver a súa evolución. De momento os escumosos galegos prometen porque gustan. Están incorporados de xeito recente ás normativas das nosas denominacións de orixe, certificando as elaboracións guiadas exclusivamente polo método tradicional ou champenoise: en síntese, viño sometido a unha 2ª fermentación dentro da botella para xenerar de xeito natural a súa burbulla tan característica e refrescante.

Acción promocional no Mercado de Abastos compostelán

Acción promocional no Mercado de Abastos


Garum, Galopín, Ferro, Castelao, Acio, Bodeguilla de San Roque, Bodeguilla de Santa Marta, Artesana Gastrobar, Café de Altamira, O Curro da Parra, Mesón de Lázaro e Bodeguilla de San Lázaro servirán escumosos galegos nesta campaña ate o 22 de decembro. Máis restaurantes de toda parte poderán facelo.

Hai que felicitalos, animalos e aproveitar a ocasión. Por deitar luz nuns produtos aínda descoñecidos; por valorar o esforzo dun sector punteiro e innovador; e por darnos o gusto de poder probalos. Un brinde á vosa saúde!