Diego de Lemos, os primeiros viños ecolóxicos de Galicia

Os Diego de Lemos  son os primeiros viños ecolóxicos de Galicia, certificados como tal en 2002. Procedentes das terras de Chantada, na marxe de O Saviñao, na súa gama atopamos tinto (Mencía) e branco (Godello e Treixadura) con D.O. Ribeira Sacra. Ambos reflicten a súa orixe atlántica: son frescos, de boa froita e sabor propio, saídos da terra altamente mineralizada dos solos da Ribeira Sacra e de viñas tratadas de forma natural, con abonos orgánicos e con cobre e xofre.

Diego de Lemos

Diego de Lemos

Foi Esther Teixeiro a que, fai case 20 anos, decidiu optar pola viticultura ecolóxica e sacar adiante Diego de Lemos. A maioría dos seus coñecidos intentaron disuadila. Ninguén sabía moi ben que era aquilo, nin tan sequera ela acababa de comprendelo. Pero a sabedoría que da toda unha vida no campo indicáballe que algo estaba pasando coa terra. Ela mesma lembra como notaba que a terra ía desertificándose, polo que decidiu desbotar o emprego de herbicidas.

Ao principio non buscaba o distintivo ecolóxico, era unha forma de facer as cousas como se facía outrora: sen pesticidas nin tratamentos fitosanitarios, pero pouco a pouco foi investigando e aprendendo como tratar as cepas e a terra, lidando co descoñecemento dos clientes perante o novo produto. Isto implicaba máis traballo, xa que requiría cavar e desbrozar continuamente para quitar as malas herbas.

Porén, todos os coidados e desvelos que Esther Teixeiro dedica ás súas viñas dan os seus froitos e o  “Diego de Lemos” é unha boa mostra deste agarimo. Ten un sabor propio, con personalidade e isto reflíctese na súa vitrina de galardóns. Foi recoñecido na Cata Oficial da XXXI Feira do Viño de Chantada en 2013, onde obtivo o primeiro premio co seu tinto, en terceiro lugar co branco e a máxima distinción en viños en barrica. Ese mesmo ano recibiu o Premio Baco Joven Oro, neste caso, pola colleita de 2011. Sen dúbida, recoñecementos á valentía de Esther Teixeiro e ao seu bo facer coas viñas.