É galego? que tal está?

Produtos novos que aparecen no mercado están levantando a curiosidade e o interese de moitas persoas que, cada vez máis, identifican produto galego con calidade e apoian no consumo os esforzos de innovación e calidade dos produtores.

 

Vermú Galego Nordesía

O vermú galego Nordesía ou os viños espumantes de distintas adegas de Rías Baixas e Valdeorras, polo momento, son adquiridos no comercio de proximidade despois dun “-que tal está?”. É moi satisfactorio saber que os nosos viños son incorporados, en moitos casos, por vez primeira ás mesas de Nadal. Falamos dos tintos, claro. Eses que, sen abandonar o polbo e o churrasco, ascenden cada vez máis ao podio dos xantares e ceas especiais. Con resistencias. E con satisfacción polo resultado nos casos en que se incorporan.

 

7 cidades e moitas zonas non produtoras de viño constitúen un mercado interno galego de máximo interese, que ben pode facer parte dos obxectivos do sector, das administracións, da hostalería e dos prescritores. A non ser que decidamos facer a ola ás habilidosas estratexias comerciais de catro adegas distantes, e mentres clamemos pola evidente necesidade de exportación dun produto que non esteamos dispostos a ofertar, recomendar e consumir aquí.

 

Espumantes galegos

A resposta do público demanda calidade a produtores, oferta a comercializadores e información a prescritores. Seguro que os prezos condicionan aínda esta tendencia social na crítica situación económica actual. Mais paga a pena valorar o potencial da curiosidade que xeran estes produtos cando se sabe deles, e da boa resposta cando se proban.