Galicia é candidata á mellor rexión vitivinícola do mundo no 2017

Polo noso potencial enoturístico, por posuír viños de gran calidade e por ter a capacidade de maridalos facilmente coa nosa gastronomía, Galicia opta a ser a Rexión Vitivinícola do Ano 2017. A prestixiosa publicación norteamericana Wine Enthusiast considera que temos “algúns dos viños máis interesantes de España” e por iso inclúe a Galicia entre as cinco rexións que optan a recibir esta distinción.

A revista publicou recentemente a súa lista de candidatos aos Wine Star Awards, uns premios cos que se recoñece anualmente o labor de personalidades, organizacións e zonas relacionadas co mundo do viño. Nesta edición Galicia competirá con outras catro grandes rexións vitivinícolas a nivel internacional:

Margaret River, en Australia Occidental; unha zona con preto de 200 bodegas situada no Océano Índico con excelentes tintos (Cabernets) e brancos (Chardonnays) ó estilo Burdeos.
Sonoma County, en California; con máis de 425 bodegas censadas considerase una auténtica boutique do bo viño.
Southwest France, no suroeste de Francia; nada máis e nada menos que na zona de Burdeos. Unha rexión de produción variada, de gran calidade e moi apreciada entre o consumidor norteamericano.
Umbria, no centro de Italia; una rexión Patrimonio da Humanidade pola Unesco, punto de referencia do turismo italiano. Viños como o Orvieto bianco ou o Sagrantino di Montefalco son exemplos do seu potencial.

Para saber se finalmente Galicia consegue alzarse con este premio teremos que esperar ao próximo 29 de xaneiro do 2018 na gala que se celebrará en Miami. Será daquela cando se darán a coñecer os premios nesta e nas outras quince categorías restantes (Persoa do Ano, Produtor de Viño, Importador, Viño Europeo ou Viño Americano, entre outras).