Gardar o viño na neveira, si ou non?

Xa que vivimos nun territorio que é un referente mundial en canto á produción de viños de calidade, sería lóxico pensar que a cultura do viño está suficientemente arraigada entre nós e que sabemos perfectamente como tratar este produto tan apreciado mais aló das nosas fronteiras. Con todo, segue habendo moitas dúbidas acerca da maneira correcta de almacenalo, conservalo e manter todas as súas propiedades unha vez aberto. Tendo en conta que podemos atoparnos con recomendacións dispares, imos facer un intento de aclarar cando é aconsellable  e cando non gardar o viño na neveira.

Para responder a esta cuestión é preciso, por unha parte, coñecer a esencia química dos viños e os seus procesos de oxidación e, pola outra, establecer unha diferenza dependendo de se a botella está aberta ou non.  

Se falamos de botellas sen abrir, o coñecemento xeral de que o viño debe manterse nun ambiente fresco e escuro pode levar a que a neveira da cociña nos pareza unha boa opción. Porén, o refrixerador da casa non ofrece as condicións óptimas para almacenalo máis de un día ou dous. Unha neveira común mantén unha temperatura fría de 2-5 ºC, con niveles relativamente baixos de humidade (ó redor do 30%) cando as temperaturas óptimas para o almacenamento do viño sitúanse entre os 8 e os 15 ºC con niveis de humidade en torno ó 70-90%. A maiores, o motor dunha neveira representa unha fonte de vibracións constantes sobre as botellas.

Outro caso distinto é cando a botella está aberta. Tal e como asegura Jancis Robinson, experta en viños e editora do famoso libro “The Oxford Companion to Wine”, refrixerar unha botella aberta é a mellor forma de conservalo e mantelo fresco como recén aberto. Desde o momento que retiramos a rolla, entra osíxeno na botella e toma contacto co viño comezando así o proceso de oxidación: unha transformación que fai que vaia perdendo o seu aroma, sabor e calidade. Según Robinson, as baixas temperaturas desaceleran as reaccións químicas, incluíndo a oxidación, principal inimigo dunha botella aberta.

Como recomendación a maiores, ten en conta que, no caso de non conservar a propia rolla, hai accesorios especiais como tapóns que selan hermeticamente a botella ou bombas de baleiro que extraen o aire prolongando así a vida do viño aberto.  Se ben mentres están pechadas é recomendable manter as botellas en horizontal, unha vez destapadas é preferible que as gardes en posición vertical para que o osíxeno estea en contacto unicamente coa superficie do viño.