Grazas Acio, welcome Parker.

Os viños galegos precisan valedor@s en toda parte. Porque merecen valedor@s. Nestes días saltaron dúas novas ben distintas que nos refrescan esta opinión: o peche de Acio Restaurante en Santiago de Compostela e as boas puntuacións obtidas por unha manchea dos nosos viños en The Wine Advocate.

 

O cociñeiro Iago Castrillón e a sumiller Eva Pizarro.

O cociñeiro Iago Castrillón e a sumiller Eva Pizarro.

Acio Restaurante, o proxecto do cociñeiro Iago Castrillón e a sumiller Eva Pizarro en Santiago de Compostela ao longo destes últimos 8 anos, vén de anunciar o seu peche e o inicio dunha nova etapa profesional para os seus protagonistas. Vaian desde aquí os nosos mellores desexos de futuro para quen lograron converter ese proxecto nunha merecida e destacada referencia de calidade. Seguro que non melloraremos moitas das loubanzas que se teñen feito e se farán da traxectoria e experiencias ofrecidas por este restaurante. Non o pretendemos nin nos corresponde. Mais si queremos expresarlles publicamente o noso recoñecemento e agradecemento por dous aspectos que valoramos desde os nosos inicios en VIDE, VIDE!

 

O primeiro, apostar por unha selección relevante de viños galegos de calidade perfectamente integrada, man a man, en pé de igualdade, sen complexos, nunha selecta carta internacional de viños. Parécenos un bo xeito de prestixiar e poñer en valor os nosos viños, particularmente os tintos, tan descoñecidos e rodeados de prexuízos desmerecidos, de hábitos gustativos e valorativos deturpados inducidos habilmente durante anos por intereses comerciais. Parécenos un xeito tan bo de potenciar os viños galegos como a súa necesaria e natural presenza maioritaria nas cartas dos restaurantes galegos (por estaren inseridos nunha área vitivinícola singular cunha produción rica en procedencias xeográficas, “terriñas”, microclimas, variedades e elaboracións de calidade); ou como a aposta que algúns outros fan pola exclusividade de viños galegos en aras da especialización, da normalización e do equilibrio na oferta comercial xeral. Son itinerarios distintos que propician o avance cara un mesmo punto de encontro: facer de ponte real nun mesmo territorio entre produtor@s e consumidor@s, servir nas mesas a veciñanza e visitantes o agarimo e bo facer d@s nos@s viticultor@s, propiciar o goce da nosa rica cultura do viño en compaña natural e harmónica da gastronómica.

 

O segundo aspecto, é o noso agradecemento a Eva Pizarro por amosarnos desde o comezo da andaina de VIDE, VIDE! o seu respecto, trato profesional e interese polo noso proxecto. Algo que gaña mérito e máis consideración pola nosa parte, se cabe, nestes tempos “revoltos”. Hai virtudes e valores adquiridos que valerán e acompañarán calquera iniciativa futura, por distinta que sexa. Seguro.

 

E isto que ten que ver cos puntos Parker? Pois que a profesionalidade e avance do sector vitivinícola galego nos últimos anos, xunto coa existencia de referencias na divulgación/comercialización dos viños galegos desacomplexadas e coñecedoras desa realidade, ten resultados na súa proxección e valoración. E sendo esas referencias diversas e con ópticas non idénticas, convén coñecelas e recoñecelas. Todo axuda. Recoñecer e felicitar méritos nos demais, esa difícil empresa, ás veces.

 

O crítico Luís Gutiérrez.

O crítico Luís Gutiérrez.

As controvertidas e influentes puntuacións do crítico estadounidense Robert Parker, tan partícipe desa deturpación gustativa inducida da que falabamos máis arriba, achégannos unha satisfacción importante. Luís Gutiérrez, o seu crítico para os viños galegos, visitou recentemente as nosas denominacións de orixe sen limitarse en exclusiva a elas na compaña do sumiller galego Antonio Portela (autor do blog O Viticólogo dos Bagos e organizador da Emoción dos Viños en Tui), para probar e avaliar unha amplísima mostra de viños. Máis aló das puntuacións concretas acadadas por cada marca, é relevante o papel destacado atribuído a Galiza como área vitivinícola singular, e a boa puntuación acadada por unha selección de gran calidade protagonizada por unha boa parte dos produtores considerados na vangarda do viño galego nos últimos anos. Unha nova positiva. Situarnos con singularidade no mapa mundial do viño, e primar a busca da expresión auténtica do terroir nos nosos viños. Con ou sen puntos Parker, parécenos un bo camiño. Todo axuda.

 

Acio Restaurante e The Wine Advocate situaron aos viños galegos entre os mellores do mundo, á par de moitos dos considerados como tal. Na nosa opinión, non lles falta razón. Grazas, welcome.