Merenzao, un pracer atlántico

Cata merenzao comentada por Manuel Gago

Cata merenzao comentada por Manuel Gago

 Foi unha pasada. Así o vivimos nós, compartindo igual a satisfacción expresada por máis asistentes. Para empezar, pola confluencia de sinerxías. De admiración pola merenzao (salta o corrector automático de texto: merézao). De convencemento no seu potencial. E de gañas de probar. Sinerxías desde a revista BenBo, coa reportaxe de M. Gago sobre os viños, e o artigo de A. Portela sobre a variedade. Non eran as súas primeiras palabras sobre a uva. Máis sinerxías: Ronsel do Sil desde Madrid, Dominique aparece co 2012, Cancio desde Negueira de Muñiz (vida e volta) cunha novedade de 250 botellas, Roberto Regal BCN-SCQ, Miguel Anxo buscando “mateos” bastardo do mesmo ano por todo o país, Miguel Vila procurando sorprendentes produtos gastronómicos, Algueira, enófil@s  e profesionais con gañas de saber máis. Alguén ficará atrás. Cousa colectiva, participada de paixóns.

 

Que probamos?  Entramos en materia con Alpendre 2011 e 2012, da adega Ronsel do Sil, os que hai polo de agora. E seguimos con Capricho de Merenzao 2010 e 2012, os dous xa 100%, e de Ponte da Boga. Pausa para convidado sorpresa: Nesta Ourela 2012 e idem con leve crianza en barrica, de Negueira de Muñiz. Variedade verdello tinto, presentada desde ámbito técnico cualificado como sinonimia de merenzao. Dous viños á altura, de atlanticidade máis directa, e salto na secuencia de características organolépticas do varietal. Entran dúbidas, non é merenzao ou que pasa? Hai mencía (10-15%). E outro terroir. Un cambio considerábel das condicións edafolóxicas e microclimáticas respecto da Ribeira Sacra que resultan fundamentalmente noutra maduración do verdello tinto, e noutro viño. Pasamos a Algueira merenzao 2011 e saímos definitivamente da Ribeira Sacra  para falar co máis vello, Quinta da Muradella bastardo -merenzao en Monterrei-, ano 2006, do viticultor Xosé Luís Mateo.

 

Os 8 viños da cata

Os 8 viños da cata

Todos de merecer, certo. Cal gustou máis? Non atopei alí esa resposta. Con viños así, non existe nin debe existir. Todos de merecer. Cumpriuse a introdución de Gago, elegantes, sofisticados e complexos, xoias de produción escasa, tesouros pegados á terra, con potencial de envellecemento, un antigo actor secundario pensado con mentalidade moderna para convertelo en protagonista.

Unha cata con moi bo sabor de boca, lato sensu.