Moraima 2013

Moraima

Moraima

Viña Moraima é unha pequena cooperativa de viticultores en Barro, nas abas do Val do Salnés. Son viticultores de tradición que atesouran un patrimonio vitícola de cepas centenarias. Que significa prefiloxérico, patrón directo, pé franco? Pasade por alí a velo. Apostan pola calidade da viticultura e por castes ancestrais como o caíño, o ratiño ou o loureiro tinto. Darán que falar no futuro as súas novas elaboracións.

Neste Rías Baixas do 2013 xa asoman as notas douradas dos albariños cunqueiráns. Tamén a incipiente madurez da froita, xunto coa sutileza de herbas de infusión, romeu e tomillo nunha interesante evolución. Acidez rica e integrada nun viño estruturado, amplo e cunha cremosidade fresca. Serio e persistente.

Con permiso de Celso Emilio Ferreiro:

Cando quero beber

digo Moraima.