Pé de Perdiz: o soño dunha noite de verán

Hoxe traémosvos duas catas do mesmo viño branco, o ribeiro Pé de Perdiz. Nesta, o texto e a opinión son de Lorena Costas:

Dise que cando non existían aparellos para medir o grao alcohólico da uva, a xente colleitaba o viño cando a cor das vides era dese ton vermello similar aos pés das perdices (ou paspallás).
Curioso e fermoso nome para este viño branco procedente da D.O. Ribeiro do que hoxe falamos. Esta pequena adega familiar situada en Berán (Leiro), comeza hai aproximadamente setenta anos a súa andadura vendendo os viños da súa colleita, e non é ata 1995 cando se rexistra xa como adega na D.O. Os comezos foron vendendo viño a granel, pero no 2014 deciden dar o paso de sacar ao mercado as súas elaboracións embotelladas, con gran acerto, penso eu, xa que na súa corta traxectoria, ademais de colleitar viño, tamén colleitan bastantes premios, tanto en brancos coma en tintos.
AlbariñoCal é o segredo? Probablemente a elaboración honesta, sen máis pretensións que plasmar o recollido na viña, axudados por unha fantástica ubicación dentro do Ribeiro, boas orientacións das parcelas, pouca pluviosidade e tempo cálido e seco, que conseguen que o viño non precise demasiada intervención humana. De feito, o seu obxectivo é que o viño se produza en ecolóxico en pouco tempo. As cepas teñen unha idade aproximada de 30 anos e apostan fundamentalmente polas variedades autóctonas e pola recuperación dalgunhas outras: Brancellao, Ferrol, Sousón, Treixadura, Albariño, Loureira, Caiño… forman parte das elaboracións desta adega.
Esa honestidade e sinxeleza vese plasmada sen dúbida neste Pé de Perdiz Branco 2014: trasládame de súpeto a eses momentos da infancia, na vila, coas derradeiras horas do sol do verán; aromas a herba e flores secas, a froita branca madura, almíbares e meles, froito dunha cálida estación. Pero tamén despuntan os toques balsámicos e mentolados sobre todo ao principio, onde o que máis resalta é a Albariño, para logo deixar paso á Loureira e xa na copa parada a Treixadura madura e floral, non sen certos matices de hidrocarburos nos últimos achegos do nariz. En boca é persistente, asombrosamente salino e con boa acidez punzante ao principio, ben marcado o chan arenoso.
En definitiva, un viño para beber sosegado, gozando do solpor e das noites cálidas, e tal vez unhas boas sardiñas como na noite de San Xoán?

FICHA:
Viño Pé de Perdiz Branco 2014
Adega: Pé de Perdiz – D.O. Ribeiro
Albariño, Treixadura e Loureira
Grao: 13º
Prezo: 8€
Onde mercalo? Este ribeiro está na nosa web e na nosa tenda, Vide, Vide! (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10) .