Tendencias e experiencias

A UNED de Ourense organizou en marzo de 2013 en Rivadavia o curso de extensión universitaria “Turismo do viño: tendencias e experiencias”. Contou cunha concorrida participación, semella que maioritariamente nutrida por guías turísticos a xulgar polas referencias de distintos ponentes e polas conversas ás que houbo pé. Alén dunha exposición específica relativa ao sector turístico e dúas a repasar as denominacións de orixe e especificidades dos viños galegos, o curso contou tamén cun enorme interese do punto de vista histórico e patrimonial.

 

Museo baleiro

Museo baleiro

Expremer o xugo das nosas vides é, sen dúbida, verquer todo un caudal de sabedoría acumulado ao longo dos séculos no noso territorio e no noso pobo. Os viños galegos amósannos un presente vizoso de calidade e de gozo sensorial; un presente que retorna á tradición desde a profesionalidade e a mellor tecnoloxía para ofertarnos uns produtos únicos, exclusivos e orgullosos. Mais tamén son os nosos viños a pegada dun pasado de esplendor e recoñecemento internacional. A pegada de, cando menos, 2000 anos de historia. Unha pegada espallada pola nosa xeografía e, como tantas veces, abandonada, descoñecida. Como tantas veces, tamén reivindicada por voces conscientes que nesta ocasión encarnaron algúns dos ponentes.

 

O proxecto histórico e antropolóxico do Museo Galego do Viño, desenvolvido no seu continente arquitectónico e no seu proxecto museístico de contido, mais paralisado pola Xunta en 2009, daría boa conta deses lagares altomedievais, das adegas e granxas vitivinícolas históricas, do tránsito do viño ao longo da formación das cidades galegas, das súas amplas zonas históricas de cultivo en todo o país, de arrieiros, de carreteiros e de navegacións por toda a costa atlántica europea, da arquitectura histórica das nosas aldeas… Ánimo guías turísticos! Noraboa e grazas, ponentes!

Granxa de Gomariz

Granxa de Gomariz