VIDE, VIDE! Espazo enocultural

VIDE, VIDE! é un proxecto de dous galegos apaixoados do viño que quere ser unha comunidade. Un chamamento a chegarse e mergullarse na cultura do viño do noso país. Un convite a valorar, a gozar e a divulgar o laborioso bon facer de produtor@s e profesionais do viño, nun momento en que conseguen elevar ao sublime toda unha tradición histórica que se perde no tempo, e que conta no presente con excelentes mostras de calidade, antesala dun mellor e prometedor futuro. 

 

VIDE, VIDE! é, en expresión galega, un convite colectivo. A probar e sorprender co que tan ben sabemos facer. A gozar das nosas habilidades e especialidades. A normalizar aquí o normal noutras partes: sabérmonos zona produtora de viños, coñecérmonos, recoñecérmonos e acompañar eses momentos realmente importantes da vida, coa nosa xente, das variadas riquezas que emerxen da nosa terra.

 

VIDE, VIDE!, en plural, nace das nosas terras. Das que moldean, cada unha ao seu xeito, diversas e sorprendentes personalidades no froito de vides autóctonas recuperadas ao longo de anos de empeño, paixón e coñecemento.

 

VIDE, VIDE! empezámolo nós e será o que vós queirades, porque é un espazo a moldear desde a querencia polo noso, pola calidade, polo natural, polo medio, pola curiosidade e pola proximidade. E porque non nace na nada, senón nun agro sementado por moit@s antes ca nós. Tamén por inspirar este proxecto, grazas!

foto tarxetas