Viñerón 2013

Recentemente vivimos un acontecemento de relevancia relacionado co mundo do viño. Foi en Santiago de Compostela nesta edición. Apreciamos que aquí e agora non somos simples espectadores das tendencias imperantes noutras latitudes. Máis ben protagonizamos, coprotagonizamos con elaboradores doutras partes, o rexurdir dun tradicional xeito de facer e beber viño, fronte ao convencional premiado e puntuado nos últimos anos.

Viñerón

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Viñerón 2013 xuntou unha das posíbeis seleccións de viticultores –de viños- de distintas procedencias, empeñados en esmerar o viño na viña, e en expresar na copa o que a terra nos quere dicir en cada lugar. Foi un goce para os sentidos coñecer a obra de magníficos autores e intérpretes dunha materia prima coidada na viticultura e respectada na adega. Foi moi satisfactorio ver viños galegos compartir esa vangarda.

 

Viñeirón

As vangardas, en tanto que o son, non imperan no presente. Son tendencias, son proxeccións de futuro, son suxestións do que podería vir. Se gustan, son desexadas e imitadas. Non imperan hoxe, mais existen. Están aí, diante de nós. Nos viños galegos existen, e cómpre animar á súa busca, goce e, porque non, promoción. Desta vez, a poder ser, antes de que nolo canten a berros a centos ou milleiros de quilómetros. Esta semana dicíanos un bo viticultor galego: “Busco mercado sobre todo fóra. É se consegues recoñecemento fóra, cando empezan a chamarche aquí”.

Sempre hai que agradecer a actitude vangardista de profesionais de longa traxectoria. O paso dos anos non sempre fai doado compatibilizar experiencia con “estar á última”. Varias das actividades do Instituto Galego do Viño, entidade organizadora do Viñerón 2013, absorven e proxectan esa frescura tan suxestiva do que vai vir.