Galopink 2018
Un rosado faise de uvas tintas, nunha maceración moi leve do mosto coas súas peles, extraendo pouca cor e seguindo a elaboración só coa parte líquida. Aquí a maceración foi en prensa, cortísima. A uva sousón, de pel grosa, achega moita intensidade de cor. O resultado adoitan ser viños lixeiros e frescos, con pouco alcol e versátiles no gastronómico: idóneos para acompañar produtos do mar, aves, pratos vexetais, pastas e arroces. Viños moi galopíns.
Unha nova elaboración do colectivo Entrevideiras desde as terras do Condado, con viñas en Salvaterra do Miño e As Neves. Sempre nos presentan viños de esmerada corrección enolóxica. Este tamén. Coa zona e as variedades presentes nunha roupaxe harmónica e moi coidada. Ademais de sousón hai mencía e pequenas cantidades doutras tintas atlánticas.