Diferenzas sorprendentes desde a mesma adega do Ribeiro
Propoñemos rematar o verán con 3 brancos moi diferentes entre si. Un treixadura de viñas novas, un albariño do interior e un branco doce para as sobremesas.
A selección permite coñecer a treixadura do Avia nunha elaboración sinxela, clara e expresiva con A Flor e a Abella. Con Gomariz X descubrimos un albariño moi alonxado das costas das rías baixas, de interior, máis maduro e redondo. E Gomariz Doce ofrécenos un Ribeiro de sobremesa de estilo alemán, cos azucres naturais da uva conservados grazas á parada da fermentación.
Os tres son da adega Coto de Gomariz, nun dos cotos vitícolas máis antigos da península ibérica e lugar privilexiado pola excepcional calidade das súas viñas. Estamos no Ribeiro do Avia. A aldea de Gomariz colle o nome da “gomariza”: os sarmentos da vide.