PrestaShop

Novos produtos

Novos produtos
Tódalas novidades
Analizamos algúns mitos sobre o viño

Analizamos algúns mitos sobre o viño

Existen algunhas crenzas moi asentadas ó redor do viño que na maioría dos casos non están fundamentadas. Sobre todo para aqueles que se inician neste mundo e na súa cultura, cómpre afondar un pouco máis nunha serie de mitos comunmente aceptados  pero que conteñen afirmacións que non son de todo verdadeiras. Vexamos algún deles.

  1. O viño canto máis vello, mellor. Popularmente comparamos a alguén que mellora cos anos co bo viño tinto. Non obstante, hai tintos que se elaboran para seren consumidos nun prazo de tempo curto mantendo as súas características, do mesmo xeito que algúns brancos gañan moito cando teñen crianza. Tamén é habitual comprar unha botella e gardala para unha ocasión especial sen decatarnos de que os viños teñen un período óptimo de consumo pasado o cal seguramente te arrepintas de non telo bebido antes. Un viño pode ser crianza, reserva ou gran reserva en función do tempo que estivo no barril durante o seu proceso de elaboración. Un crianza, despois de embotellarse, non se converterá nun reserva polo simple feito de gardalo.
  2. Se o tapón é de rosca, o viño é malo. Estamos afeitos a que o bo viño veña en botella de cristal e con tapón de rolla. Con todo iso, un viño que se presente nunha botella con tapón de rosca non ten por que ser malo; de feito, é unha boa elección para os viños xóvenes. Aínda que o tapón de rosca impide certo grado de osixenación, tamén minimiza as posibilidades de que se estrague.
  3. O branco sérvese frío e o tinto do tempo. O mellor é servilo á temperatura que indica o seu produtor. Por norma xeral, os tintos de crianza adoitan servirse a una 18 ºC, os xóvenes a 16 ºC, os brancos entre 6 e 8 ºC e os brancos criados entre 9 e 12 ºC.
  4. A botella hai que destapala media hora antes de servir o viño. Aínda que a destapemos un pouco antes de servilo, a cantidade de osixeno que entra a través do pescozo dunha botella aberta é insuficiente. Non conseguirá osixenarse por esta vía ata pasadas unhas horas. O mellor é servilo para que respire.
  5. Os tintos para a carne e os bancos para o pescado. Provén da sabedoría popular pero non coincide plenamente coa realidade. Existe un abanico de viños suficientemente amplo no que podemos atopar tintos lixeiros que van moi ben cos pescados e brancos cunha acidez que soporta perfectamente as carnes. A mellor maneira de saber con que viño acompañar unha comida é analizando os seus ingredientes, aromas e sabores para elixir o que máis conveña nese momento. Atrévete con maridaxes orixinais e diferentes.

Existen outras moitos mitos e crenzas populares ó redor do viño. A nosa recomendación é que non te deixes levar por eles e que descubras por ti mesmo o que che funciona e che gusta. En calquera caso, xa sabes que en videvide.net podes atopar gran variedade de viños galegos de verdade, sen falsos mitos ;-)