PrestaShop

Novos produtos

Novos produtos
Tódalas novidades
Carta de viños (I)

Carta de viños (I)

Nos manuais que nos axudan a xestionar un negocio de hostalería, atoparemos de xeito reiterado un par de recomendacións básicas á hora de plantexar a oferta de viños. A primeira, en función da ubicación do restaurante, dar máis protagonismo na carta aos viños máis próximos se está situado nunha zona produtora de viños, con máis motivo se a oferta gastronómica tamén aposta polo produto “local” ou “de proximidade”. A segunda, ordenar os viños por denominación de orixe ou zona de produción priorizando as máis cercanas e, dentro delas, por tipo de viño (espumantes, brancos xóvenes e maduros, tintos lixeiros e con crianza, doces…).

A nosa hostalería é un punto de encontro privilexiado entre produtores/elaboradores de produtos gastronómicos, e o público consumidor local e visitante. Vivimos nun país cunha riqueza e calidade inmensa de produto, e ás veces esquéc ese, pero tamén de grandes profesionais da restauración coa capacidade de sacar o mellor de cada produto e a humildade de cederlle a este todo o protagonismo no goce do prato final.

O mundo dos viños galegos, de longuísima tradición histórica, está hoxe nas súas distintas elaboracións en mesas internacionais colleitando recoñecementos e harmonizando cociñas de moi distintas procedencias. É tamén o viño galego un produto “natural”, agrario, local e de proximidade, con procedencia no cultivo da vide nas terras das nosas aldeas. Un produto que respira e se nutre da mesma natureza que os mellores produtos gastronómicos das nosas mesas. Que harmoniza á perfección coa gastronomía galega.

5 denominacións de orixe con subzonas peculiares, 4 indicacións xeográficas protexidas (viños da terra), outras zonas de produción históricas fóra das delimitacións creadas ata o momento, máis de 70 variedades de uva cultivadas e rexistradas oficialmente, distintas áreas climáticas diferenciadas e multitude de mesoclimas, pluralidade de tipos de terreo, todo tipo de elaboracións nas adegas… Todo isto dá como resultado unha inmensa variedade de viños posibles dentro da produción vitivinícola galega actual. Para cada prato, para cada ocasión.

  • Atlanticidade

Os viños galegos prodúcense baixo condicións climáticas de predominancia atlántica, na parte atlántica de Europa en contraposición á mediterránea. Por certo, coma moitos dos considerados mellores viños do mundo (La Rioja, Burdeos, Borgoña, Champagne, Alemania). É boa zona para facer viños? Parece que si. Esa maduración máis lenta da uva fai dos viños galegos viños máis frescos, de aromática sorprendente e presenza viva e brillante.

Dentro dese marco xeral, as altas temperaturas estivais de Monterrei e Valdeorras no interior ofrécennos viños con máis alcohol e menor acidez, fronte á maior lixeireza e frescura das Rías Baixas na costa galega. Ribeiro e Ribeira Sacra, no centro, representan un equilibrio intermedio entre eses dous extremos. Que nos apetece máis? Pois dependerá dos gustos e da ocasión, pero hai onde escoller.

  • Terra de tintos

A especialización comercial na produción de brancos, non nos fai esquecer unha elevada preferencia no consumo de tintos, a recuperación actual da elaboración de tintos sorprendentes, e un maior equilibrio na presenza dos tintos na nosa historia vitivinícola pasada. Hoxe vólvense facer tintos en todas as zonas de produción, desde as Rías Baixas, pasando polo Ribeiro, ata Negueira de Muñiz.

Os nosos tintos sorprenden pola súa autenticidade, pola presenza das características máis primarias e frutais, porque o viño de verdade non está tapado polas notas que aportan as barricas novas de carballo americano nas adegas. Calquera visitante afeito a probar viños de distintas partes do mundo, abrirá os ollos con grata sorpresa diante deste descubrimento. Aquí herdamos décadas co hábito de ser os principais consumidores de Rioja do Estado, en particular dos máis madeirizados fronte aos colleiteiros (máis lixeiros e froiteiros) que beben eles. Recuperaremos tantos gustos, sabores e aromas perdidos? Seguro. Xa o estamos a facer, con sorpresa e orgullo.

Martiño Santos

Sumiller en VIDE, VIDE! Espazo enocultural.