Procede da marxe esquerda da ribeira do Miño, da paraxe de Portutide, no Saviñao. É o primeiro fillo da marca Rara Besta, un proxecto de colaboración directa entre Vide, Vide! e distintos viticultores galegos para ofertar viños auténticos e peculiares, para facer camiños.
Seiva Prima prodúceo o viticultor e enólogo Roberto Regal. É a microvinificación específica das uvas procedentes das viñas dun único viticultor na mesma paraxe. Viticultura limpa e dignificada na Ribeira Sacra.
Un viño fundacional, a orixe dun proxecto, choiva cara arriba, unha fonte, un fluxo, a substancia e a esencia da terra na que nace e se expande. Etiqueta do artista ceense David Creus.
Zume da Ribeira Sacra, un mencía garnacheiro 70-30%, divertido, un pícaro con chispa fresca, sen máscaras nin complicacións.